A Universidade do Porto, en colaboración coa Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, a Universidade de Vigo e a Universidade Católica Portuguesa, organizan a Feira Internacional do Emprego Universitario (FINDE.U).

A FINDE.U pretende renovar o seu carácter innovador e reforzar a conexión existente entre o Norte de Portugal e Galicia, colocando os principais empregadores portugueses, españois e internacionais en contacto directo con máis de 66.000 estudantes universitarios e cerca de 150.000 titulados/as e alumnos/as das catro institucións.

O evento está aberto á participación de todo o estudantado e persoas tituladas das máis variadas áreas de formación. O obxectivo é aproveitar este evento para buscar e seleccionar as empresas/organizacións que máis se adecúen ás súas perspectivas de traballo e intereses profesionais, así como coñecer as competencias máis valoradas polas entidades empregadoras.

As empresas teñen tanto a posibilidade de divulgar as súas políticas empresariais e de formación, como de contactar co alumnado e titulados/as.